Comezarán as negociacións coa PatronalO último dia destas tres xornadas de folga de transporte, despois dunhas intensas setenta e dúas horas de piquetes e traballo dos folguistas, a factoria de Citroën tiña que sacar os coches recén saídos da cadea de montaxe (polo seu modelo "just in time") un a un e conducidos por operarios da propia planta industrial.
Esta é só unha mostra do que foron estes días de bloqueo á actividade industrial da provincia de Pontevedra, que se centrou nomeadamente na lonxa do porto de Vigo, na empresa da automoción e Citroën, e no polígono de Campiño en Pontevedra.
Mobilización do mércores
O mércores para rematar tivo lugar unha concentración no nó de Isaac Peral ás sete da tarde, a pouco metros da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra. Desde este punto realizáronse distintos cortes de tráfico, que crearon un importante caos circulatorio.
Por último, decidiuse ir en marcha até a rotonda de Guixar e cortar o acceso a todos aqueles transportes de mercadorías que aínda podían estar a traballar, e permaceuse neste punto neurálxico para a actividade industrial do porto até pasadas as oito e media da tarde.
Tanto nesta mobilización, como nos piquetes, houbo un importante despregue policial, que tentaba atemorizar aos participantes, que identificou en numerosas ocasións aos participantes nos piquetes e nesta convocatoria. En moitos casos imposibilitaron o labor informativo destes folguistas, velando polos intereses das empresas e actuando contra os dereitos dos traballadores.
Negociación coa patronal
O xoves 24 de abril desde as 11.30 da mañá, e por mediación da Delegación de Traballo terá lugar unha nova xuntanza para tratar a negociación do convenio. Nesta xuntanza estará presente unha representación da Consellaria de Traballo, a patronal do sector e as centrais sindicais.
A partir das 17 hai unha nova convocatoria de xuntanza no local da Confederación de Empresarios de Pontevedra para continuar con esta negociación.
Os traballadores do sector están convocados a unha asemblea para informar do estado da negociación o sábado ás 12 da mañá na Asociación de Veciños de Cabral, onde se tratará tamén a posibilidade de manter a convocatoria de folga indefinida no sector a partir do 5 de maio.