Buscar  

Neste domingo dia 20 continúan en Cangas-Galiza, as Xornadas "Imáxes da Memoria"

ESTE DOMINGO DIA 20 DE ABRIL, NAS PRIMEIRAS XORNADAS DE CINE “IMÁXES DA MEMORIA”  DE CANGAS DE MORRAZO: “CÓLERA” de Manuel Forcadela e María Xosé Queizán e “MANOLO BARROS, UN REBELDE DE ACEIRO”, de Cuchi Carreira e Gonzalo Amoedo.AUDITORIO MUNICIPAL, ÁS 8 DA TARDE 
Sociedade Galega pola República | Kaos. III República | 19-4-2008 | 179 lecturas
www.kaosenlared.net/noticia/neste-domingo-dia-20-continuan-cangas-galiza-as-xornadas-imaxes-da-mem
"Manolo Barros, un rebelde de aceiro" e "Cólera"

Comentarios e información destes dous documentais:

“Manolo Barros, un rebelde de aceiro”

Este domingo 20 de Abril, os colectivos que estamos a organizar as primeiras xornadas IMAXES DA MEMORIA renderemos homenaxe no Auditorio de Cangas a Manolo Barros Montero, un republicano e comunista redondelán clave na resistencia antifranquista galega, preso en San Simón cando tan só contaba coa idade de15 anos e despois, de novo, preso durante longos anos noutras cárceres.

Manolo Barros Montero, que tivo unha prolongada militancia comunista de máis de 70 anos, moitos deles na dirección clandestina do PCG e despois, a partires de 1983 na fundación do Partido Comunista do Povo Galego - PCPG, morreu no pasado mes de xullo. Son moitos os viciños de Cangas que compartiron con el as difíciles peripecias e momentos de loita na etapa franquista, e tamén foron moitos e moitas os vecinos do Morrazo que poideron tratalo e coñecelo persoalmente, especialmente nestes últimos tempos de celebracións e actos institucionais e visitas á que no seu tempo foi Illa-cárcere de San Simón na que el estivo preso. Momentos inesquencíbeis nos que el nos acompañou solícito facendo de guia das visitas que se programaron desde Cangas e Moaña con motivo do “Ano da Memoria”. 

"Home comprometido co seu país, coa súa vila redondelá, coa súa parroquia, coas súas ideas", loitou sempre polos ideais comunistas e da República, dende a adolescencia até a vellez. Coñeceu o cárcere, o exilio interior e a emigración, e ilusionouse coa chegada da Transición, para decepcionarse despois, e percibir como un engano a toda a súa xeración, a implantación da monarquía.

Agora poderemos achegarnos  á súa vida e coñecelo máis de preto grazas ao documental de Fernando Collazo, máis coñecido como Cuchi Carreira:  “Manolo Barros, un rebelde de aceiro”, gravado ao longo do 2006 en DVCAM con guión de Gonzalo Amoedo, coa axuda de Ana Lois, e dirección e produción do própio Fernando Collazo, quen tamén se encargou de gravar, xunto con Xosé M. Hermida, e da montaxe e posprodución, con Miguel Borines.

A fita dura 52 minutos, e conta coa voz en off deste último, ademais da música do pianista Alberto Vilas. Do son directo encargouse José M. Moldes.

Produce o documental o Colectivo Republicano de Redondela, coa axuda do Ministerio da Presidencia, a Consellaría de Cultura, e as Concellarías de Cultura e de Participación Cidadá do Concello de Redondela.

--------------------------------------------------------

  “Cólera”

(Un video de Manuel Forcadela sobre guión de Maria Xosé Queizán)

Na segunda parte deste acto no Auditorio de Cangas proxectaráse o vídeo “Cólera”, realizado polo poeta Manuel Forcadela sobre a base do libro de Maria Xosé Queizán, editado por xerais,  que ten o mesmo nome

Trátase dun emocionante documental e poemario de 40 minutos, que se centra na resistencia contra o franquismo en Galicia nos últimos anos da ditadura (do 65 ao 75) , cando se produciron folgas obreiras, loitas contra o réxime e confrontacións que causaron numerosas mortes, detencións e exilio.

O guión de María Xosé Queizán inspírase nesa parte da historia que lle tocou vivir. Chamoulle Cólera ao seu poemario porque este é o sentimento que lle produce lembrar aqueles tempos arrepiantes.

Neste documental de lembranza e recoñecemento aos impulsores da conciencia política democrática e antifranquista galega van pasando imáxes desta época: As Encrobas, as folgas obreiras do 72 en Ferrol e Vigo, así coma personases singulares que marcaron a conciencia desta época: os dirixentes obreiros Amador e Daniel, mortos pola policia no 72 en Ferrol;  Patiño, O Ché...e Carmiña Graña, a nosa viciña e incansable loitadora canguesa, que conta neste documental cunha referencia que dura aproximadamente 10 minutos, nos que Margarita Ledo se refire a alguns dos mellores momentos da vida e loita compartidos con ela. Uns minutos intensos nos que, con fondo de imáxes fotográficas deses momentos discurre un magnífico e emotivo poema de homenaxe de Maria Xosé Queizan adicado á nosa compañeira Carmiña Graña, tamén coñecida na nosa vila e en toda Galiza como “Carmeliña”.

As proxeccións serán a partir das 8 da tarde e estarán presentes os realizadores e guionistas destes documentais.

Colectivo pola Memoria Republicana do Morrazo / Cangas pola Memoria Común.

Sociedade Galega pola República

 
Más información:

Comentarios (0)
La inserción de comentarios en esta noticia está desactivada
Col·lectiu Kaos en la Red. C/ Sant Crispí, 182 (08222). Terrassa (Barcelona)