Na mañá do luns 6 de xullo, logo de 23 xornadas de folga, os traballadores e traballadoras do metal da provincia de Pontevedra acordaba suspender a convocatoria de paro indefinido, ante o descolgue protagonizado, primeiro por UGT e logo por CCOO, deixando unicamente á CIG á fronte da convocatoria. Non obstante, a volta ao traballo estará marcada nos estaleiros pola negativa a realizar horas extraordinarias até que as empresas non se aveñan a negociar a regulación da contratación. Dende a central tamén se enviou unha chamada á recuperar forzas e á recompor a unidade sindical de cara a continuar as mobilizacións até acadar un convenio digno.
A suspensión da folga do metal por parte de UGT e o anuncio no mesmo sentido de CCOO, deixou na mañá do luns 9 de xullo á CIG soa á fronte da convocatoria, convertendo deste xeito en inviábel a continuidade indefinida dos paros. No transcurso da asemblea celebrada en Barreras ás nove da mañá, a CIG daba traslado ao conxunto dos traballadores/as do sector da decisión de suspender a folga, logo do descolgue das outras centrais sindicais. Decisión que foi entendida e secundada pola asemblea.
O obxectivo a partir deste momento será recuperar forzas e a unidade sindical en canto as mobilizacións, para as que as tres organizacións maioritarias no sector deberán artellar un novo calendario de protestas, sempre coa confianza de que esta loita se vai gañar.
Os estaleiros, sen horas extraordinarias
Non obstante, a volta mañá ao traballo non se fará a calquera prezo. Segundo explicou durante a asemblea o secretario de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, os traballadores dos estaleiros volverán aos seus postos pero continuarán sen realizar horas extraordinarias. “Se a patronal dos estaleiros quere que se traballe máis alá das oito horas da xornada, terán que aceptar a proposta de regulación na contratación”, afirmou Alcántara.
O Secretario de Negociación Colectiva da CIG tamén apuntou que nos vindeiros días se van desenvolver asembleas nas comarcas para pactar e organizar a nova xeira de folgas e mobilizacións a prol dun convenio colectivo digno para todo o sector.
Unidade de acción
Pola súa banda, o Secretario da CIG-Metal, Miguel Malvido, instou a recompor a unidade de acción entre as organizacións sindicais e lembrou aos estaleiros que “a pelota agora está no seu tellado. Se non regulan a contratación non haberá horas extras”, subliñou, “e son os empresarios os que teñen que decidir se queren negociar en conxunto ou empresa por empresa”.
A este respecto lembrou que sen esas horas de traballo os estaleiros terán problemas para facer fronte á entrega en prazo dos pedidos.
Malvido tamén se referiu á necesidade de remudar o conflito noutros termos e avaliar as medidas de presión a desenvolver ao longo do tempo.
Inmobilismo da patronal
A loita iniciada en maio pasado polos traballadores e traballadoras a prol dun convenio digno e con dereitos para o conxunto do sector na provincia de Pontevedra, tense atopado en todo momento co inmobilismo e a negativa da patronal a un entendemento ou achega, que está arrastrando a moitas empresas a unha situación complexa.
Para a CIG esta postura só se pode entender dende o propósito dos empresarios de vencer a dinámica deste convenio e o seu modelo sindical, así como na busca dun convenio que non decidan os traballadores, senón que sexa negociado polas cúpulas para dotar de máis flexibilidade a xornada laboral, incidir na desregulación da contratación e abaratar os salarios aínda máis.
Ante esta perspectiva só cabe reconstruír a unidade sindical e reorganizar ao sector, imprimindo ritmos á folga que permitan dar unha resposta ao longo do tempo, até acadar “o convenio que queremos”. 
#1.- Ista vez nom!
GZlivre!|07-07-2009 23:48
Isses dous traidores sa clase operaria nom se podem sair coa súa! Sumáron-se á loita porque o liderazgo da CIG nom lhes deijou outra. Era isso ou perder definitivamente a credibilidade dos trabalhadores do setor. E agora aproveitam a desculpa do desgaste, servida em bandeja de prata pelos media e os empresarios, para baixar-se do barco.
Cánto lhes terá prometido o governo ZP por dinamitar a confrontaçom máis esperanzadora entre trabalhadores e empresarios dos últimos moitos anos.
Levades semanas amosando umha incrível capacidade regeneradora da folga, inventando novas maneiras para a poderem fazer possível co menor desgaste. Nom calam com canto levam perdido os asteleiros. Pero ninguém entre isses tertulianos de copa e puro aporta as cifrasdo que os trabalhadores levam perdido. Nim que co que supostamente perderom os patronos já teríam coberto de sobras o que os trabalhadores pedíam. Porém issa nom era a questiom! Tratába-se de amosar-lhe a todos que co caminho da loita nom si ía acadar rem. Que nom se expanda o virus! Era a palavra de ordem. Estavam dispostos a cáseque todo. Mesmo em contra dos medianos empresarios. Nom hai tal solidariedade entre iles. Uns mandam e os outros obedeçem.
Valoración: 2
| Avisar provocación
#2.- Inventado algo
GZlivre!|07-07-2009 23:53
Abride contas para a solidariedade do povo. Moitos estamos dispostos a dar parte do pouco que temos para que issa gente do metal do sul nos siga ensinando a loitar.
Dende que escomeçou a loita nom deixo de pensar nissa película enorme: Salt of the Earth (O sal da terra). Todo sindicato devería ponherlha aos seus afiliados no momento de se darem de alta. Regalar copias ou fazer pases coleitivos.
Espero que a pesares das dificultades, que já se preveía sofrer, coma no heroico filme ista vez ganhemos nós. Pois com vós jogamos todos, e polo tanto todos ganhamos ou perdemos asegum a vós vos vaia.
Umha aperta e a colher folgos. Tedes o alento e a espranza de moitos detrás.
Valoración: 1
| Avisar provocación