kaosenlared.net

sehansuscrito163  quedan837 Objetivo 1000 suscriptor@s! 
19 Abr 2012

Nin un só paso atrás! A por outra folga xeral!

Escrito por  FORXA!
Valora este artículo
(1 Voto)
Octavilla repartida por FORXA! nas distintas concentracións e mobilizacións posteriores á Folga Xeral do 29M.

A folga do pasado dia 29 de marzo só pode ser cualificada como un éxito rotundo, como unha pequena-gran vitoria de todas e todos os que a secundamos activamente, tanto nos piquetes coma nas mobilizacións que en Galiza acadaron cifras históricas de participación. Sabemos ben que a folga xeral non é un acto finalista, e efectivamente non serviu para variar os plans da oligarquía, mais si para deixarlles ben claro que unha inmensa maioría do pobo e da clase obreira oponse á reforma laboral e ás políticas antiobreiras, e deixa ás claras que hai unha gran disposición para levar esta oposición ás fábricas e á rúa en forma de loita e de mobilización cada vez máis consciente e continuada.

O goberno resposta cumprindo rigorosamente coas “recomendacións” impostas polos poderes económicos, polos monopolios capitalistas e a oligarquía financeira que goberna a Unión Europea, e esixe sacrificios constantes que se ven plasmados en máis e máis reformas estruturais e novos recortes que afectan drasticamente á maioría do pobo, mentres as fortunas do capital se acrecentan sen parar.

Prepáranse reformas e novas leis co claro obxectivo de esmagar a resistencia da clase obreira e das clases populares, e optan abertamente por recortar aínda máis as liberdades democráticas e acentuar o carácter represivo dun estado que só serve aos intereses da oligarquía e do gran capital.

O goberno do Partido Popular vén de aprobar uns orzamentos do estado que supoñen un ataque directo á liña de flotación do “estado do benestar” e que se verán plasmados en recortes en sanidade e educación, e xa anuncian futuras reformas para este ano incluída unha nova lei do dereito de folga que xa se está a cociñar.

As demandas do movemento obreiro son xa claramente innegociábeis e deben ser plasmadas na propia loita, desterrando toda liña pactista e claudicadora, e apostando decididamente por un novo modelo sindical unitario, clasista e combativo, orientado non cara á sostenibilidade do sistema capitalista, senón cara ó seu derrocamento na perspectiva do Poder Obreiro e Popular.

Os propios feitos e a realidade histórica presente confirman que este é o único camiño posíbel. Hai que responder con máis loita, con máis mobilización, con máis unidade obreira, no camiño da total derrogación da reforma laboral e de todas as políticas contrarias aos intereses obreiros e populares.

Nesa dirección, os comunistas de Forxa! consideramos que compre facer do vindeiro 1º de Maio una xornada de loita, de mobilización e combate, na perspectiva dunha nova convocatoria de Folga Xeral.

 

Colectivo Marxista-Leninista FORXA!

Modificado por última vez en Jueves, 19 Abril 2012 21:23

Add comment


Security code
Refresh