Os abolicionistas coruñeses piden a retirada dunha páxina web que funcionaba como espazo da “Plaza de Toros de La Coruña” (www.plazadetoroslacoruna.com) por entender que unha vez resolto o contrato coa concesionaria dos festexos dos últimos anos a presenza na rede dos logotipos municipais ten todavía menos sentido e supón un uso abusivo da imaxe corporativa do consistorio.
O colectivo Mozos pola Abolición, pertencente á plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, sinala que os logotipos empregados: Concello da Coruña, IMCE e Coliseum, representan a toda cidadanía e a súa presenza na citada páxina tería que ser suprimida de inmediato.
As mocidades abolicionistas tamén critican a "suposición" que facía a empresa ao considerar o Coliseum como a súa propia oficina, cando o prego de contratación non lle otorgaba ningún dereito para crear neste espazo o seu centro de actividade, que atendía aos medios de comunicación, ou ás escasas peñas taurinas da cidade. De feito, a presentación pública das touradas de 2011 realizouse nun centro comercial.
O 89,6% dos mozos coruñeses amósanse contrarios á financiación pública das touradas.
Mozos pola Abolición tamén convida á cidadanía a asinar para forzar a convocatoria dunha consulta cidadá, na seguinte ligazón: ir.gl/abolicion
